Un mundo ben feo

OPINIÓN

29 may 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

O DOBRE terror que nos tocou vivir, isto é, o do terrorismo e o da loita contra o terrorismo despois de 11-S, o recorte de liberdades, nuns casos, e noutros a seria ameaza de que medren un e outro terrorismo -multiplicouse por catro no 2004-, o atolado crecemento demográfico nas áreas máis pobres... todo isto fai do mundo de hoxe un mundo máis ben feo. Pode que eivas semellantes (se non eran esas foron outras) teña habido en calquera tempo pasado. Pero, polo que se ve, vai haber moi logo máis terrorismo, menos liberdades e máis pobres no noso planeta. E, polo que se di, imos ter en moi poucos anos problemas na práctica insolubles co crecemento á toa da poboación mundial. Certo que problemas houbo sempre. E tamén que sempre houbo políticos que souberon arranxalos. Este, ao meu ver, é hoxe o noso problema mundial: que uns líderes feitos a deseño, produto ventureiro do mercado, saiban encararse con problemas tan graves nos que, sen a menor dúbida, se xoga o porvir do ser humano. Arrepía pensalo.