Constitución europea e compromiso social

ISAAC DÍAZ PARDO

OPINIÓN

05 jun 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

O NON francés e holandés ten alporizadas ás chancelerías da Europa, e non me extrañaría que os que mandan nos EE. UU. estén refregando as mans pensando nunha rebaixa da forza que veu tomando o vello continente, e até algún dos seus marionetas europeos estará pensando en botar abaixo o euro, pois traidores hai moitos. Falan de grave crísis, parálisis, catástrofe...; son os catastrofistas de sempre, hoxe orientados para desorientar e fender a unidade dos povos diferenciados da Europa, que ten permitido o seu crecemento. Co rechazo por unha maioría de dúas nacións europeas dun texto constitucional non vai pasar ren, pois elo non modifica a marcha de como vai Europa, de como era o mes pasado e como seguirá sendo. O que si indica ese «non» é que no fondo latexa un malestar polo neoliberalismo, e por tantas ataduras que os que mandan, sen estar descontentos de como vai Europa, quixeran que esta se parecese máis a os EE. UU. e que se identificase máis con esa democracia, máis parecida ao nazismo, que se orienta só polos negocios aínda que estos teñan que asoballar e masacrar a diosbendito para se quedar coas súas riquezas. Trátase de ficar en palabras e non ir á realidade das cousas. É o neoliberalismo o que nos ten coas mans atadas aos galegos para que o noso non sexa noso, como remata de facernos ver nun libro o profesor Xavier Vence. Os conceptos que representan as palabras poden ser modificados según os intereses de cada quen, sobre todo dos grupos que dominan. Estos días vaise a celebrar en Santiago un coloquio cunha presa de intelectuais para discutir o compromiso social da cultura. Eso da cultura é un dos últimos inventos que ten feito o home, que as veces serve para desviar a imaxe da realidade e facérmonos pasar por suxetos importantes cando pertencemos a algunha institución cultural. Poucos saben que a palabra «cultura» aínda non tiña aparecido no Diccionario da Academia a finais do século XIX, e que só aparece como excepción no século XVI en textos de Villegas e frai Luis de León, que empezou na baixa edade media como cultus referida ao relixioso, e que aínda aparece culterano antes que cultura . Hoxe temos moitas institucións de cultura, institutos de cultura, consellos de cultura, departamentos de cultura... que desvían a función que deberían comprir: estudos de historia, estudos de galego... Por acó chegamos ao concepto «culturalismo» cando supostos factores culturais queren dominar sobre a realidade social. Este é o punto débil da cultura pola cultura ou da arte pola arte. No coloquio ao que nos referimos, que leva por título Arte e compromiso social no noso tempo , van intervir tres mulleres: Natalia F. Granell, Margarita Ledo e Silvia Longueira; e tres homes: Claudio Rodríguez Fer, Anxo Rabuñal e Xosé Díaz, coordinado por dúas mozas historiadoras: María América e María Díaz, que levan un tempo estudando o compromiso social que tiñan principalmente as artes e as letras, movemento interrumpido en xullo do ano 1936 e sobre o que, logo de 70 anos, aínda hai moito que estudar, tal foi a desmemoriación imposta. Máis de 200 exiliados galegos se recollen neste estudo, aínda que só duns poucos poideron facer unha amplia exposición.