DO PP non é. Chámase Alberte, estudou unha carreira técnica nunha Universidade creada polo único goberno diferente a AP-PP que tivemos, pero non atopou traballo ao rematar. Sendo como é fillo dun torneiro, primeiro regulado de Astano e logo prexubilado de Endesa, axiña reparou en que aquí non tiña futuro e, como non estaba disposto a vaguear, igual que os seus devanceiros colleu o pendín e largou a aprender o idioma e traballar no que saíra. Muitos temos un primo coma el. Por primeira vez, nesta campaña electoral fálase muito deses mozos que marcharon a Lanzarote ou a Barcelona, a Londres ou ás Baleares. Cobran aló millores salarios por faceren o que aprenderon acó. Nestas eleccións, o meu curmán non vai poder votar, como os centos de mariñeiros que ese día estén no mar, como os milleiros de mozos emigrados, temporal ou permanentemente, nos últimos anos. Xa non se pode ocultar esa realidade nesta Galiza na que, se non es do PP ... danche coas varas do trombón. A maioría dos diagnósticos independentes sobre a Galiza inciden en dous problemas: o país non se sabe vender e vai retrasado en I+D. Tendo en conta quen paga, do outro problema, do político, non se fala neses estudos máis que eufemisticamente. Pero ese é o auténtico problema. Esperemos que del se trate na campaña, máis que das trangalladas por onde Fraga quere levar á oposición. Hai semanas visitáronnos varios gurús económicos e fixeron unha avaliación da nosa situación socio-económica e das perspectivas de futuro. A súa conclusión foi que o país ten muitas posibilidades e que o financiamento non é un problema. Como un bo feirante farturento despois de comer o pulpo, os expertos viñeron dicir aquilo de será por cartos. Teñen razón. O problema non é de cartos (públicos) senón da súa xestión. Ningún dos importantes sectores económicos que se desenvolveron na Galiza dos últimos trinta anos débenlle nada ao Goberno autónomo: nin a moda de deseño, nin Inditex, nin Televés, nin outros importantes grupos económicos naceron da iniciativa pública, nin se deben ás iniciativas públicas. Mentres iso medrou, a Xunta seguíu empeñada en protexer os restos do capitalismo corporativo creados polo intervencionismo franquista, dos que ENCE é o modelo máis evidente. Ou en facer concentracións parcelarias con criterios dos anos sesenta que só serven para facer solares urbanizabeis. Só niso o Goberno Fraga gasta ao ano máis que no financiamento das universidades, panca imprencindibel do I+D+i. Se as posibilidades de futuro son tantas e os galegos xa demostraron que saben desenvolvelas, ¿onde está o problema? Na política, ¡ho! na política, pois que dela deriva a xestión da cousa pública. Tamén en que unha parte do país é inmune á política. Por que a quen lle pode interesar un goberno que non sabe facer o que debe: vender ao país e fomentar a innovación. Este non é o país dos galegos da escaleira que gosta retratar a prensa de Madrid, senón o das 242 piscinas públicas, construidas mesmo onde ninguén sabe nadar. Estámoslles aprendendo, iso si. Ou o dos campos de fútbol construidos pola Xunta alí onde xa non hai mozos para facer un equipo.