Unha rara proposta

| X. L. FRANCO GRANDE |

OPINIÓN

07 jun 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

QUINCE intelectuais cataláns, ou que alí viven, veñen de facer a proposta dun novo partido catalán, entre outras razóns, porque culpan aos que hai, ou aos que mandan ou mandaron, do «deterioro da educación» e do que chaman «despilfarro de la lengua castellana» , para volver, din, ao «respecto ás liberdades, á xustiza e á equidade». Se a proposta é antinacionalista, como non hai dúbida que é, e dun evidente dereitismo, un non se explica ben o seu sentido, tendo como teñen os quince abaixo asinantes o PP de Piqué, máis civilizado, e menos ríspeto, ao menos na súa linguaxe e nas súas maneiras, o que xa non é pouco. Sospeito que a finalidade da proposta é outra, pois non hai maneira de ver espazo para ese novo partido, polo que a súa inutilidade semella manifesta. O problema debe de ser subliñar unha vez máis que esa «escandalosa pedagoxía do odio», que eles denuncian, é un feito. Proba: o seu propio manifesto. Non importa: a forza de acusar, alomenos entrarannos as dúbidas. Goebbels ten discípulos.