Selección galega

OPINIÓN

LUZ DE CRUCE

09 jun 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

A RETIRADA de Fran, o protagonismo de Nacho Novo e o ascenso do Celta devolven á actualidade a eterna pregunta dos afeccionados ao fútbol: ¿Para cando unha selección galega? Houbo xa varias campañas a prol deste importante elemento cohesionador, mais aínda non vimos a ninguén bicar o escudo do cáliz despois dun gol. Malia esta eiva, si existe outro equipo galego, non constituido formalmente, pero que está en activo. Dígoo porque xa son moitos os coches nas nosas estradas coa bandeira na xanela lateral traseira, xunto cos nomes dos pilotos e copilotos aspirantes a campións. Igualiño que os que se ven nos rallies. O problema é que esta selección nosa non ten nin espazo para adestrar nin experto que os guíe, polo que moitas veces as habilidades destes rapaces acaban por volverse contra eles. Así, a crónica destes episodios deportivos pode lerse nos xornais os luns, como é preceptivo, pero nas páxinas dos sucesos. Os seareiros tampouco damos o mellor exemplo: corremos pola banda máis da conta, insultamos ao contrario e usamos os intermitentes con menos frecuencia que a camiseta de visitante. Se no fútbol o importante é marcar, conducindo pensamos que con aparcar ben xa chega. Non falta nin a dopaxe, hábito de xuvenís e veteranos. Entre estes xogadores hai xente con sentidiño, polo que necesitamos, a falta de adestrador, un capitán que poña orde, e que reparta o xogo: por unha vez, máis técnica e menos corazón.