ESCRIBO dende a outra beira do océano. Nos vellos peiraos da costanera, perto da antiga aduana, nos baixos que no seu día se gañaron ao Río da Prata, está o Hotel de Inmigrantes. Chámanlle así porque aquí recluían aos que arribaban á cidade de Buenos Aires dende as máis variadas extremeiras do mundo contra finais do século XIX e principios do século XX. En 1910 Buenos Aires xa rebordaba o millón de habitantes, máis do 50% procedentes da castigada Europa: italianos, polacos, xudíos, irlandeses, galeses, austro-húngaros, alemáns, galegos... Despois dos italianos, a arribada maior foi a nosa. Entre 1857 e 1920, Arxentina foi o segundo país de América, detrás dos EE. UU., que recibíu maior número de xentes doutras culturas. Borges dicía que a nación dos arxentinos procede toda dos barcos. O Hotel da vella costanera, convertido en Museo da Inmigración en 1997 e considerado agora monumento histórico nacional, acolleu estes días unha Mostra da Inmigración Galega na Arxentina, xermolo do Museo da Emigración que está previsto que empece a funcionar na sede da Federación de Sociedades Galegas, o palacete modernista da rúa Chacabuco. Segundo os seus promotores, arredor de cinco millóns e medio de galegos chegaron a estas beiras, dende as primeiras referencias do século XVIII ata os nosos días, nos que o movemento é á inversa: netos daqueles emigrantes soñan volver á terra dos devanceiros. En Galicia hai expectativas que aquí non teñen, igual que os seus avós foron buscar ás Américas o pan e as oportunidades que tiñan coutadas na súa pequena patria. O Hotel de Inmigrantes recordoume aqueloutro da illa de Ellis, nos Estados Unidos, onde se recolle e recrea o mundo de centos de miles de familias que, procedentes tamén de Europa a meirande parte delas, arribaron aos peiraos do Gran Manhattan. A construción das identidades colectivas destes países, que voltan os ollos cara ao seu pasado, fíxose dende a pluralidade e a diversidade, nunha marea xigantesca que transformou o mundo. Ves as caras, as vellas fotografías, os carnés de identidade, as tarxetas de sanidade, os pesados baules, as roupas que traían, os obxectos íntimos que se recuperaron, e viaxas a outra dimensión, que non está tan lonxe: é a memoria dos avós. ¿Quen non ten unha historia familiar que engadir a todas estas historias? A primeira noticia que temos dunha sociedade de galegos en América é na Arxentina. Na vella Manzana das Luces, na igrexa de San Ignacio, constituiron os galegos a Asociación de Fillos de Santiago, no século XVIII, principio doutras que se levantaron despois, centros de acollida das xentes que ata aquí chegaban, e que non tiñan outro amparo máis que o que eles mesmos podían construir. Non é a primeira vez que o dicimos: nos anos 40 Buenos Aires era a cidade con máis galegos do mundo, case medio millón, por riba de caquera outra cidade galega. Na guerra civil, cando se produce a gran traxedia do exilio, aquí estaba a outra Galicia, a Galicia Ideal, en palabras de Castelao, que os acolleu e lles fixo un sitio. Velaquí un capítulo fundamental da nosa historia contemporánea que non debemos esquecer. Percorro as estancias do Museo e vou lendo os seus nomes. O que máis impresiona son os ollos dos nenos. Algúns deles están aquí para contalo. Chócame un dato. No ano 1914 entraron 932 artistas de variedades. Entre eles, a familia de Ernesto Touceda, da Picaraña (Padrón), últimos propietarios do famoso Parque Japonés, ¡referencia fundamental na vella historia do tango!