A decepción

OPINIÓN

09 jul 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

EU TIÑA moi poucas esperanzas de que Madrid fose a cidade elexida para os xogos olímpicos do 2012. Tras o informe do COI parecía craro que estabamos no terceiro posto. Só os máis optimistas baraxaban a hipótese de superar a terceira votación, e sumar entón os puntos da derrotada. Non foi así; faltaron tres votos e, como dixo Lady Di, tres pode ser unha multitude. Non sei se fóra de Madrid a solidariedade era tanta como querían facer crer os políticos, ou se, como demostraban os comentarios anteriores e posteriores dalgúns, se alegraron de que non fose Madrid a elexida. O que puiden constatar foi a decepción entre as clases populares madrileñas. Nada máis sair da casa, a eso das doce, oín os comentarios dos porteiros da miña rúa. «Estará contento o Rovira», dicía un. «¡O fillo de tal!», respostaba o outro. A fruteira comentaba pouco despois en tono desolado os postos de traballo que se perderían. Mentres probaba unha cazadora en Coronel Tapioca entrou unha rapaza a informar ás vendedoras de que finalmente era Londres e non París a agraciada. «Eses estirados», dixo unha. «Non hai dereito. A Madrid nunca lle toca nada», dixo outra. A duras penas conseguín que me buscasen unha talla máis pequena. Cando cheguei á casa a miña asistenta deume un verdadeiro mitin. Sentíase estafada. Según Gallardón e Zapatero, dicía, éramos os mellores e tiñamos asegurada a candidatura. Non houbo maneira de convencela. Ela tiña oído a todos pola televisión e estaba claro que fora un engaño, coma sempre, dicía, prometen unha cousa e despois é outra... En 1992 Barcelona foi España -excepto, quizá para os cataláns- e coido que todo o país se alegrou daquel triunfo. Non sei se hoxe Madrid é España para o resto do país. Temo que non. Eu, nembargantes, penso que non foi Londres quen gañou, senón Inglaterra, e que a gran derrotada foi Francia, non París. E que España, non Madrid, fixo un bo papel. E gustaríame que a imaxe de unidade que dimos se fixese realidade.