TRES COUSAS están claras e as tres non lle dan a razón a Blair: non atacan os terroristas o que el chamou «os nosos valores», senón a un país que axudou a levar morte e asoballamento a miles de mulleres, nenos e civís que a hipocresía agocha baixo o eufemismo de «danos colaterais». Atacan a un país que invadiu outro país contra toda norma de dereito internacional, que torturou e tortura ao seu pobo, e que contribuíu a que o uranio empobrecido mate e siga matando no Próximo Oriente para máis alá de mil anos e cree malformacións nos que en todo ese tempo veñan ao mundo. E a terceira cousa é que a policía ten que poñerse ao día, que xa se ve que non o está, para combater o novo terrorismo. Blair xa tivo, e segue tendo, a tentación de vender seguridade por liberdade, como os seus amigos neocons , a pesares dunha exemplar resolución dos lores. Quero pensar que alguén haberá que lle faga ver que tal cousa sería o mellor triunfo dos terroristas e o total fracaso dos nosos valores.