Veñen os mouros

| LOURENZO F. PRIETO |

OPINIÓN

BOUZA

12 jul 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

ASÍ SE lles chama no imaxinario popular galego dende que asomaron a testa na alta idade media. Moros en castelán, en clara referencia ao, máis suposto que real, diferente color de pel respecto aos peninsulares. Nesa denominación, só dende hai pouco tempo xa políticamente incorrecta, encérrase toda a carga da diferencia buscada. Pero a cultura islámica semella tradicionalmente máis integradora que a nosa tradicional cultura cristiá, mesmo asumindo como propio o sentido da diferencia do contrario. Quizabes por iso hai un Frente Moro de Liberación en Filipinas. As sucesivas masacres de Nairobi, Nova York, Bali, Madrid e a recente de Londres deben empezar a facer pensar que a guerra co terrorismo neofundamentalista non pode librarse nos campos de batalla convencionais. Muitos advertirono pero por razóns poderosas non foron escoitados. Atinou tamén, por mágoa, quen dixo que a invasión de Irak so contribuiría a aumentar o caldo de cultivo dese terrorismo global. Esta xeira terrorista é resultado dunha crise complexa do mundo árabe e do mundo musulmán. En realidade é a mesma crise que padecen todas as sociedades poscoloniais do planeta, pero na versión islámica. Coa colonia e coa independencia, só as elites participaron das novas regras político culturais, fora o liberalismo primeiro ou o socialismo despois. Baixo esa tona mentense o Islam de sempre, como único recurso cultural e ideolóxico da maioría da poboación, e coa mesma capacidade de renovación e adaptación aos tempos que viña demostrando dende as orixes,. Pero mesmo ás masas de excluidos do poder chegaron as migallas do desenvolvemento, da riqueza e, sobre todo, da educación. Ao tempo, medran as urbes en sociedades que se desagrarizan axiña e ademais dase unha emigración en masa ás vellas metrópoles. As mudanzas benefician ao cabo aos excluidos do poder e da riqueza. En ausencia de democratización real e socialización do poder, tras o fracaso das novas ideoloxías mal adapatadas sigue ficando o Islam. Mais cando os islamistas queren participar en política son excluidos en Alxeria, antes en Exipto ou en Irán, despois en Turquía e Marrocos. As vellas monarquías, os novos dictadores ou Occidente, en diferentes versións, quixeron defenderse do valores do Islam. O empeño defensivo acabou sendo ofensivo na versión dos dous Bush e desencadeouse o actual caos que inclúe a suspensión de garantías de Guantánamo ou a guerra preventiva en Irak. En ausencia de democracia para compartir o poder, a relixión e a añoranza do Califato perdido foi substituindo á política e mesmo á razón. Nós seguimos con reaccións defensivas-ofensivas como a de Blair neste días: «Defenderemos os nosos valores». Pois non, seica o que queren, non os terroristas pero si aqueles aos que eles se dirixen, é compartilos e non sentirse excluidos dos bens materiais e da tolerancia. Isto e muito máis sábeno as poucas persoas que no ámbito universitario se adican a estudar e pensar nestas cousas, como a miña colega Aurora Artiga e unha súa alumna que ven de explicar isto nun oportuno traballo académico. Menos mal que -aínda que non lle fagan caso- nos queda a Universidade.