EL ERA o que ela acariciaba. Cando faltaban as súas caricias non existía. Pensou que resultaba unha situación anormal o día que viu no periódico o seu nome: identificado como un cadáver en Londres. El, sen embargo, sentíase vivo. Seguiu lendo os periódicos, recibindo as caricias dela, soñando os seus ollos grandes mentres o sol cantaba no noroeste unha sonata de Bach. Un día levantouse e viu no periódico que encontraran o seu corpo atrapado entre ferros de tren. Era en Pakistán. Pero el seguía vivo porque ela acariciaba o seu rostro. Pensou que o amor fai inmortais aos humanos. Que somos o que amamos, que o amor axuda a vivir, que amar é gritar que o amado non vai morrer nunca. Pero houbo un día, o mesmo que el morreu en Pakistán, que el non puido levantarse. Soubo que a vida faltaba. Morreu por fin. En Irak un kamikaze matara, ¡por error!, a máis de vinte nenos. Quixo sacar as pernas da cama. Non podía. O amor, que o salvou tanto tempo, faltoulle de repente. Porque os nenos mortos matan. Matan de absurdo, de lágrimas. Renego da ocupación de Irak, dos kamikazes, da nova orde internacional, dos aliados e de Al Qaeda. Bush, Bin Laden, a Yihad e o Sétimo de Cabaleiría. Só queremos vivir en paz, malditos.