NOVIDADE gloriosa. ¡E non era sen tempo que houbera algunha por estes lares! Como todas as novidades ten os seus agoreiros, mesmo entre os máis afíns. Porque disque a desconfianza é a nai de todos os galegos. Xa antes de rematar as negociacións entre o BNG e o PSOE escoitanse voces de desconfianza e óense algúns sabios intérpretes non autorizados da vontade popular, facendo avisos a navegantes. Desconfianza haberá, mais non será dos que querían un cambio, senón dos que non o querían. Normal pero confuso. Claro que, mirándoo ben, seguro que os máis de 860.000 cidadáns que votaron polo BNG e o PSOE nestas eleccións sabían positivamente que ambos os dous grupos ían ter que gobernar xuntos. Non lembro que dicían os estudos demoscópicos ao respeito, pero dubido que houbera votante algún que se achegase ao colexio electoral descoñecendo tan elemental evidencia. Daquela, como sabían o que votaban, por que e por quen, estaban certos que, de non gañar o PP, habería goberno de coalición entre os dous partidos da oposición. Non hai que ser experto analista para chegar a esta conclusión. Por iso, o que máis se escoita estes días fora dos cenáculos composteláns é unha sinxela expresión: agora a facelo ben, a non defraudar, remachado con dúas palabras: sentidiño e honradez. Ninguén sabe como o fará o novo Goberno. Sabemos como empezaron. Negociaron durante quince días con discreción, as discrepancias foron arranxadas case antes de se facer públicas e seguiron un método aparentemente adecuado. A decisión de presentar un programa conxunto parece encamiñada a evitar que haxa dous gobernos diferentes, a de clarificar despois o organigrama semella situar as razóns funcionais e de orde práctico por riba das estrictamente partidistas, e o interese en deixar para o final a escolla das persoas ten unha innegabel función de pedagoxía política. Teño para mín que o realmente importante para os votantes é a garantía de que haberá un Goberno realmente distinto aos coñecidos e que responda a dúas sensibilidades e dúas identidades ben diferentes: a nacionalista e a socialista. Unha non poderá subvertir á outra; millor que nin o intente. Aínda que non sería mala idea que tentaran construir unha identidade nova: a dun novo Goberno plural. Estou certo que é iso o que se lles pide polos votantes, aínda que os máis militantes teñan, como é lóxico e obrigado, outra sensibilidade a este respecto.