¿ALGUÉN se imaxina, entre nós, a un político conservador como John Major iniciando as conversacións co IRA e o seu brazo político, o Sin Feinn, chegando xa en 1994 a un primeiro alto o fogo? Eu non. Aznar, Acebes, Rajoy (ou Bono, Ibarra ou Guerra) están moi lonxe de Major ou de Blair. ¿Alguén se imaxina, entre nós, unha decisión como a do Goberno inglés de desmantelamento das forzas armadas en Irlanda do Norte, esas forzas que -diría Bono- garanten a integridade do territorio nacional? Eu non mo imaxino. Porque alá, ao parecer, non hai ningún Bono. ¿Alguén se imaxina aquí que, nese longo proceso, nin conservadores nin laboristas tratasen nunca de minar, por mor do terrorismo, a estabilidade do contrario? Pois así foi e segue sendo -por máis que Ian Paisley diga que o anuncio do Goberno é un desastre-. Pero penso que nin Quebec nin Irlanda do Norte nos van ensinar nada, aínda que o 61% dos nosos cidadáns coincidan cos políticos ingleses e non cos que aquí temos.