Réquiem con ira

| X. L. FRANCO GRANDE |

OPINIÓN

21 ago 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

É ESTE un réquiem con ira polos 17 mortos nunha guerra que non se quere chamar así, con misións que se dan en nomear humanitarias eludindo a verdade (que é dar cobertura ás forzas americanas), unha guerra da que ninguén nos explicou que nos vai ou nos vén nela. Se o que dixo Bono é certo, que penso que o é, atoparon a morte nunha operación bélica. Se isto é así, cómpre dicilo con claridade e non tratar de facernos crer que máis ca combatentes eran algo así como membros dalgunha ONG entregados a accións humanitarias. Certa propaganda suxire que acceder a un posto nas forzas armadas facilita un ulterior emprego na vida civil. Un non sabe que necesidade hai de recorrer tan longo camiño. Tamén por isto este réquiem acentúa a súa ira, pois a precariedade no emprego -eran estremeños, galegos e andaluces- non pode ser un engado máis para levar á xente a certos precipicios. É hora de que a nosa linguaxe gañe en claridade -se a verdade nos interesa, o que non parece ser o caso.