A CATÁSTROFE provocada polo Katrina vai ser un máis dos motivos que obrigarán a repensar o mundo deste comezo de século. Porque aconteceu no país máis poderoso, e cuns efectos que poñen en dúbida ese poder, pero tamén porque é a última dunha xeira de acontecementos inesperados e de catástrofes naturais aparentemente imprevistas. Esixe recapacitar respecto da nosa relación coa natureza, e tamén verbo dos modelos de organización social e política dominantes. A humanidade, despois de someterse durante máis de dous séculos a unha idea de progreso que non tiña en conta o medioambiente, ten que recoñecer que segue sendo vulnerabel fronte á natureza. Non pode seguir despreciándoa como un asunto menor que pode manexar ao seu antollo con mentalidade enxeñeril, nin pode excluila das valoracións económicas e da construcción social. Todo o que leva acontecido dende hai unha semana en Nova Orleáns, apunta a un modelo de sociedade que dista moito de ser exemplar. As informacións son aínda incompletas pero o coñecido alí obriga a reflexionar. A ausencia do Estado de Benestar europeo deixouse sentir en grao sumo nos estados federais do Sur da Unión afectados polo furacán. A soidade dos individuos foi a pauta dun escape individual na que ningunha autoridade, nin estatal nin federal, foi quen de organizar nin a evacuación nin a axuda posterior aos damnificados. Nunha sociedade moi tecnoloxizada funcionaron adecuadamente as alertas e as prediccións pero non soubo que facer coa información, máis que alertar aos individuos e abandoalos á súa sorte. Os que non tiñan coche, os pobres, os que non tiñan capacidade, os vellos, foron simplemente abandonados. Toda forma de estado desapareceu e en moi pouco tempo reapareceu o caos sen que ningunha administración soubese como evitalo. Non é un caos primitivo, senón un caos novo, feito de desigualdade, de pobreza e de marxinación de amplos sectores da sociedade que son excluidos do benestar pero tamén dos valores. Non é só o caos dos saqueadores, tamén o caos dos crédulos que confiaban nunha axuda que non chegou. Menos estado non foi garantía de máis sociedade, porque a sociedade, aparentemente a máis avanzada do planeta, tampouco foi quen de actuar. Non funcionaron nin organizacións nin valores sociais. Tan só a seguridade que proporcionan as armas nun país onde aínda se usan dun xeito primitivo. Non abonda con xustificar que o profundo Sur, cheo de desigualdades e arraigado na tradición esclavista é moi diferente do organizado Norte. A pobreza e a desigualdade apareceron nunha extensión inesperada para os non avisados. Aínda máis preocupante parece a ausencia de valores sólidos nunha sociedade de individuos armados. Non foi a solidariedade nin a cooperación a que se abriron paso senón o caos e o medo aos grupos de saqueadores. A pobreza social que reflicte esta situación e a miseria humana que agocha fainos sentir socialmente máis ricos na vella Europa. Quizais por iso a entrega social e o valor humano do amigo Pancho Aguelle que nos abandonou de súpeto nestes días, adquiren aínda máis valor. En tempos coma estes, homes coma el reconcíliannos co tempo que nos toca vivir.