EDUARDO Mendoza comentou na prensa os intentos de ilegalizar os castigos físicos aos nenos, e a súa conclusión era que un cachete leva implícita unha carga didáctica positiva innegable: o rapaz aprende que, se amola demasiado aos demais, acaba recibindo agora unha labazada; o día de mañá, Deus sabe qué. Eu estaría de acordo se, en vez de labazada, falase dun castigo. Pegar non é un bo método de educar, iso está de sobra demostrado. Pero comparto a preocupación de Mendoza ante unha lei de protección do menor que pode acabar potenciando a mala educación infantil que xa padecemos. Hoxe a maioría dos nenos españois son indisciplinados, consentidos e caprichosos, e dan mostras da súa mala educación non só na súa casa e nas aulas dos centros de estudio senón alí onde se atopan. Contaba Pérez Reverte nas páxinas de El Semanal a súa admiración ao atopar nunha viaxe en tren a un neno que non molestou aos outros viaxeiros. Eu tiven unha experiencia semellante á volta do verán: unha parella nova con dous nenos sentouse diante de min. O pai encargouse dun dos nenos e a nai doutro. Iban lendo e de cando en vez atendían aos xogos silenciosos dos nenos e respondían aos seus comentarios en voz baixa. Non o podía crer. Levo anos aguantando nas viaxes nenos que berran sen parar, que brincan polos corredores, abren e pechan as portas dos vagóns, xogan con maquiniñas ruidosas, tíranche enriba o que comen e beben, emperrínchanse, patalexan... Os pais acaban soltándolles unha labazada que só provoca máis berros e choros, ou che din cun xesto cómplice: «Son nenos»... Eu paso sempre gañas de dicirlles: son nenos mal educados. Non lles pegue, edúqueos. Pero educar require un sacrificio que moitas familias non están dispostas a facer. Está moi ben que se protexa aos menores contra a violencia doméstica, pero ao mesmo tempo deberíase potenciar a autoridade, a disciplina e o respecto na educación infantil. Iso tamén evita moitas labazadas, na casa e na vida.