Anormalidade normal

OPINIÓN

02 oct 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

ALGUÉN, non sei se Josep Pla, dixo que, sendo España un país que tantas constitucións se deu, segue aínda sen estar constituída. Seguimos téndolle medo ás palabras -nación, Estado federal, nacionalismo...- e nin reparamos nos conceptos e solucións que esas palabras agochan, ben habituais: o anatema vainos mellor. O que ocorre en España é preocupante: aquí é anómalo o que en calquera parte é normal. Modificar algúns preceptos constitucionais, despois de 25 anos, non debera ser preocupación para ninguén. Pero aquí sacralízase a norma se cabe a posibilidade, por exemplo, de pasar do Estado autonómico ao federal -normal en tantos países- aínda por aqueles que no seu día non a votaron. E fálasenos da desfeita que sería un estado catalán, ou vasco, ou galego, nun medio cultural onde temos un estado bávaro, e outros, ou un estado californiano, e 49 máis, sen que por iso se teña producido ningunha desfeita. A desfeita será máis ben a de sempre: a de seguirmos inconstituídos .