«España de Tánger»

| VÍCTOR F. FREIXANES |

OPINIÓN

21 oct 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

O XORNALISMO é un oficio apoteósito, acelerado, frenético, que se instala dentro de nós como se instala a vida. Ardemos no xornal como fogaradas, e quen siga as nosas crónicas, os nosos traballos, a nosa apaixoada dedicación, ollada sobre todo coa perspectiva que dan os anos, irremediablemente se debruza diante do espello da nosa propia crónica (que é tamén unha crónica persoal). Algunha vez teño dito que a primeira experiencia que tiven coas letras, os meus primeiros pasos de neno que deprendía a ler, foi diante dos titulares de Faro de Vigo , no colo do meu avó. Había ter eu catro ou cinco anos. Daqueles días lembro tamén as emisións do bacharelato radiofónico, en Radio Nacional de España, que o vello nos obrigaba a escoitar a meu irmán e mais a min, nas tardes dos sábados antes de cear. Unha experiencia espantosa, bastante próxima á tortura. E mais un semanario que entraba os domingos na casa e que se titulaba España Semanal , tamén coñecido como a España de Tánger . A España de Tánger , formato periódico, incluía de todo. A derradeira páxina era a dos chistes, a que máis nos interesaba, pero logo viñan, de atrás cara adiante: as de cine, teatro, horóscopos, touros, deportes, letras (que a min me parecía extraordinariamente aburrida), internacional, sucesos (bastantes crimes), reportaxes varios, e un consultorio sentimental, asinado por un tal José de Juanes, que a miña avoa lía con moito interese. Nós preferiamos a páxina de cine, polos retratos das actrices, xa se sabe, dentro do que a época permitía: Brigitte Bardot, Sofía Loren, Claudia Cardinale... Meu avó era un comprador fiel daquel semanario, que para nós tiña un aquel exótico, coma se viñese doutro mundo. Coido que foi a primeira publicación periódica que, dun xeito estable, correu nas miñas mans de neno, cheo de curiosidade. Daquela non existía a televisión. Todo o máis os programas de Matilde, Perico y Periquín en Radio Pontevedra EAJ 40, patrocinados por Cola-Cao, e as radionovelas, que a miña nai, que era costureira, escoitaba mentres cosía os vestidos de encargo. A España de Tánger deixou de editarse en 1966. Andando o tempo tiven o honor de tratar parcialmente ao seu último director: Eduardo Haro Tecglen. Foi co gallo dunhas xornadas que se celebraron en homanaxe á revista Triunfo , que capitaneaba José Ángel Ezcurra, e á que Haro se incorporou como subdirector. Triunfo era, nos anos 70 sobre todo, o semanario da esquerda posible, lectura obrigada para todos nós nos derradeiros anos da ditadura de Franco. Alí colaboraban Vázquez Montalbán, Galeano, Castilla del Pino, Alejo Carpentier, a teoloxía laica de Miret Magdalena, as notas carpetovetónicas de Luis Carandell, o humor de Quino e de Chumy Chúmez, as críticas de cine de Fernando Lara e Diego Galán, as Cartas de París do amigo Ramón Chao... Por iniciativa de Ramón Chao, en 1980, a revista presentou ao Premio Internacional de Xornalismo de Niza a candidatura do meu libro Memorias dun fuxido (Xerais), en representación do xornalismo novo que se estaba a facer no Estado español, e alá quedou finalista. Destas e doutras xenerosidades falamos algunhas veces Haro e mais eu, durante a miña estadía profesional en Madrid. Veño de ler a noticia da súa morte. Os lectores mozos dos anos 70 líamos as súas análises de política internacional en Triunfo coma enigmáticos referentes á política interior española. Xornalismo de reflexión e intervención. Pero eu quédome coa crónica sentimental, que nos envolve a todos: a memoria daquela España de Tánger , enriba da mesa do meu avó.