Schmitt, de novo

OPINIÓN

23 oct 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

Y. CH. ZARKA é autor dun breve pero moi denso libro sobre o pensamento nazi de Carl Schmitt ( Un détail nazi dans la pensée de C.S. , PUF), recén saído, que se pecha cunha pregunta inquedante á que o autor dá unha resposta que un non quixera crer. Non estraña a Zarka que o apoloxista das leis racistas de Nürenberg, fundamento dos proxectos para a solución final, poida ter hoxe a adhesión dos mellores intelectuais da esquerda. E a súa proposta é que a clave está na fonda crise do pensamento da esquerda posmarxista. A crítica do pensador nazi ao parlamentarismo, ao liberalismo, ao formalismo dos dereitos humanos, o seu concepto do inimigo substancial, parello ao inimigo de clase..., posibilitarían -di- que collese o relevo de Marx e fornecese un aparello conceptual de substitución para defender as mesmas posicións ou combater os mesmos adversarios. ¿Facémonos unha idea do retroceso espiritual que significaría que o pensamento político, de calquera signo, recuase ata Carl Schmitt?