Ánxel Casal

| VÍCTOR F. FREIXANES |

OPINIÓN

04 nov 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

REUNÍMONOS os amigos do libro galego (editores, impresores, investigadores, autores, xornalistas, algúns libreiros) para falar da edición e as novas tecnoloxías: os desafíos que o novo tempo presenta ao mundo milenario do libro. Digo ben: milenario, pois o libro é bastante anterior á imprenta de Gutenberg. E Xan Leira, a xeito de colofón da primeira xornada de debates, ofrécenos o seu documental sobre Ánxel Casal, A luz impresa . Xan Pérez Leira, arxentino de nacencia, fillo de emigrantes galegos, formado nas escolas da linguaxe audiovisual de Buenos Aires e Mar del Plata, que retornou a Galicia nos anos 80 e que inicialmente se iniciou nos labores da edición (Edicións Xerais de Galicia), leva tempo traballando nun proxecto persoal e ambicioso: a fixación documental dalgúns capítulos especialmente significativos da nosa historia contemporánea, moi especialmente do galeguismo, a emigración e o exilio. Ánxel Casal, a quen este ano dedicamos especial memoria, é a súa última «reconstrucción». Con anterioridade traballou as figuras de Castelao, Alexandre Bóveda, o «gallego Soto» no sindicalismo arxentino de principios do século XX... Arestora está a piques de rematar un novo proxecto arredor de Lorenzo Varela. Un dos máis importantes méritos de Leira é súa capacidade para a recuperación de documentos históricos, testemuñas de protagonistas que viviron a época e que, doutro xeito, difícilmente deixarían memoria entre nós. Tal é o caso de Arturo Cuadrado, figura sobranceira e pouco coñecida da cultura galega da Segunda República e o exilio, por exemplo, compañeiro de Luis Seoane, de Eduardo Blanco Amor, de Rafael Dieste, activo dirixente da Federación de Sociedades Galegas en Bos Aires; de Manuel Canabal en Montevideo, ou de Luis Tobío, a quen entrevistou demoradamente na súa casa de Madrid pouco antes do seu falecemento. Á memoria de Ánxel Casal Gosende dedicamos este ano especial atención. O próximo día 16 comenzan en Compostela unhas xornadas de estudo, organizadas pola Facultade de Xeografía e Historia da USC, nas que teremos oportunidade de reflexionar e volver sobre unha das personalidades máis ricas, emprendedoras, xenerosas e modernizadoras da vida cultural galega do pasado século: cofundador das Irmandades da Fala (1916), editor da colección Lar (1924) en compañía de Leandro Carré, creador da editorial Nós (1927-1936), a empresa cultural máis ambiciosa do seu tempo, membro do Seminario de Estudos Galegos e animador de mil proxectos, co impagable apoio da súa dona, María Miramontes, a quen no traballo documental de Pérez Leira se fai especial referencia. Está por escribir tamén o papel das mulleres, directo e indirecto, na construción ilusionada da Galicia daquel tempo. Ánxel Casal, alcalde de Santiago no ano 1936, nos días afervoados do Estatuto de Autonomía, pagou coa vida o seu amor por esa Galicia nova, moderna, da que en gran medida somos todos herdeiros. Como tantos outros, entre eles o seu amigo e compañeiro de tarefas editoriais, Camilo Díaz Valiño, apareceu morto unha mañá nas gábeas de Cacheiras. Non se trata de volver atrás. Moito menos con afán de revancha. Pero si de poñer as cousas no seu sitio. No encontro de editores en Compostela, coa presencia de profesionais e amigos do libro de dentro e de fóra de Galicia, a figura de Casal axigántase. A dimensión e a trascendencia da súa obra preséntasenos, dende a distancia, como a máis xenerosa das achegas. Falabamos das novas tecnoloxías. Casal cunha humilde e case doméstica Minerva a piques estivo de transformar o mundo. Coas palabras. Amando as palabras. Dándolle voz e oportunidade ás palabras.