QUEN TEÑA ollada limpa e iso tan raro que se chama sentido común supoño que non terá dúbidas da altura política que os tres parlamentarios cataláns -Mas, Carod e De Madre- trouxeron ao Parlamento español. O que de certo amola a moitos é que unha e outra vez os feitos nos mostren con teima dúas sociedades que moi pouco se asemellan. Os tres fixeron un esforzo para que comprendamos que a proposta de Estatut non é máis cunha forma de concordia, unha concordia case imposible cando un partido non escoita, nin pacta, nin dialoga, e substitúe eses valores democráticos polo insulto e o desprezo aos demais. Porque o que os tres políticos cataláns trouxeron ao Parlamento español foi nin máis nin menos que a proposta dunha España moderna e tolerante, digna duns tempos novos e á que un poida pertencer e ter por algo propio. Unha proposta a prol da concordia peninsular. Como se nos tivesen lido de novo ese libro único, vello e moderno, titulado Pèr la concordia . Algo que moitos non poden aturar.