PARA min, a pouca educación é o problema orixinario deste país. A pouca educación que se manifesta no boureo de certa emisora e outros medios ben coñecidos, no rebumbio xesticulante para facer calar aos demais das tertulias da televisión, na visceralidade que substitúe ao raciocinio na vida cotián. Estamos moi lonxe, pois, dos usos máis apreciados nunha sociedade civilizada. E paréceme que dalgunha maneira é o lóxico: son moitos anos sen verdadeira convivencia en sosego. Sen ela non hai cultura. Nin educación. E sen unha e sen outra tampouco pode haber unha sociedade civilizada. O máis preocupante é que todo apunta a que as cousas poden ir a peor. Porque van a peor as ferramentas de que a sociedade se pode valer para unha convivencia que poidamos chamar humana: o ensino, a vida familiar, a política -ésta xa reducida sinxelamente a propaganda-, a televisión e outros. Valores democráticos que cómpre cultivar, pois cando non a barbarie instálase na sociedade. Un pouco o que xa hoxe está sucedendo entre nós.