Outro centralismo

OPINIÓN

27 nov 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

ESTAMOS moi lonxe de ter superado o ríxido centralismo do réxime anterior. Non o superou o chamado Estado das autonomías, e pode que aínda o anovase. Por exemplo, teimando no centralismo industrial e de servizos, coa domiciliación madrileña de empresas, multinacionais incluídas, xa iniciado no réxime anterior. O sainete da opa de Gas Natural, por exemplo, non é tal: mostra a ferocidade dos que defenden privilexios centralistas cando xulgan que estes poden correr algún risco, e pouco importa que non haxa razón legal que opoñer, se calquera metáfora pode substituír a razón. Este centralismo, do que se fala pouco, é a nova faciana do centralismo máis excluínte que se coñece dentro do nacionalismo español. Este sabe anovarse e adaptarse ás esixencias de cada tempo. E como nunca asimilou, nin asimilará, nin as autonomías nin o federalismo, nin nada que se lle asemelle, pola súa natureza excluínte, sabemos ben o que no presente e no futuro teremos que loitar. Aínda os cegos o ven.