HAI uns días, Borja de Riquer Permanyer queixábase de que, a diferenza do ocorrido en Cataluña, os progresistas españois non souberon, ou non quixeron, artellar e asumir intelectualmente os feitos nacionais catalán, vasco e galego, e preferiron mirar para outro lado, ou consideralo unha desgraza, ou aínda negar esa realidade. Pode que esta sexa unha das razóns polas que, neste país, e tratándose desa cuestión, tanto se asemellan os que están a unha ou a outra man. Pois a eses fins, ¿hai algunha diferenza entre o que pensan Elorza ou Aznar, ou entre Azúa e Guerra, ou entre Gustavo Bueno e Bono? Claro que non. É sorprendente o pouco que pensan os intelectuais. Tan pouco que resulta sospeitoso: ese baleiro intelectual a que se refire o historiador catalán, auténtica ausencia de pensamento político, estase enchendo, a unha man e a outra, con Ortega e José Antonio, polo seu lado máis facha. E coa propaganda, que a estes fins non é outra cousa que total ausencia de ideas e de pensamento.