Europa

| VÍCTOR F. FREIXANES |

OPINIÓN

NON ESTAMOS no mellor dos momentos. Logo dunha etapa de relativo entusiasmo, non sen polémicas e bastante desinformación, abaixados os ánimos primeiros e despois dos referendos de Francia e Holanda sobre todo, seica semella que alguén decidiu meter os soños (e os discursos retóricos) no conxelador, polo que poida pasar, e nestas nos vemos: nas vésperas da reunión de xefes de Estado e de Goberno do próximo mércores en Bruxelas, onde disque o presidente Tony Blair pode presentar unha nova proposta financeira para avanzar na configuración do modelo, e prácticamente nas vésperas tamén das negociacións de axudas, compensacións económicas e estratexias de cohesión ata o 2013, ampliada a UE con novos membros e internamente un tanto revolucionada. O meu veciño da aldea, que xa non é un rapaz, pregúntame que vai pasar. «Vostede anda nesas cousas», dime. Quere saber da miña postura. Véxoo preocupado, interesado cando menos, o que non é pouco. De primeiras penso que vai polos cartos. Algunhas obras da contorna financiáronse con diñeiros europeos, administrados a través da Deputación Provincial, e quen máis quen menos, tamén entre a nosa paisanaxe, tan dada aos escepticismos profundos, sabe que de Bruxelas, «os que están alá», veñen recursos importantes. Para cousas grandes e para cousas pequenas, como arranxar o muíño comunal, por exemplo, que o comían as silvas e agora luce coma unha caraveleira. Galicia meteu nas arcas non menos de 720 millóns de euros cada ano dende que nos incorporamos formalmente á Unión Europea. As estradas, os camiños, a meirande parte das infraestruturas que nos últimos quince anos déronlle prácticamente a volta á cara do país, viñeron xa non de Madrid, senón dos compañeiros do norte, coma unha fantástica lotería. «Ao cabo, son os nosos», comenta o meu veciño, «¿ou non?». A anécdota é verídica, e significativa. Na contorna da mesma aldea temos dous ou tres mozos universitarios que, directa ou indirectamente, están a orientar o seu futuro profesional nos ámbitos europeos: concertos, bolsas de estudos, liñas de investigación compartida, proxectos de colaboración entre empresas... O vello do lugar sábeo, e acaso por primeira vez na súa vida (hai tempo que vive da súa pensión), olla o mundo máis alá da súa pequena leira, consciente (non sei se racional ou intuitivamente) de que isto tamén lle afecta, se non a el, cando menos aos seus. E está preocupado. «¿Qué vai pasar». Viaxo por Internet e interésome polas universidades españolas que teñen nos seus programas algunha asignatura sobre a Historia da Unión Europea: Maxisterio en Oviedo, Ciencias Sociais e Comunicación en Sevilla, Historia Contemporánea na Universidade Juan Carlos I... Non moitas, tamén é certo. Europa é un proxecto; difícil, pero ilusionante, ou con capacidade para ilusionar á xente se se lle explica, non só unha fonte de diñeiros (que tamén). Europa, como idea e como realidade política, é un espazo de memoria común, territorio de cultura, xermolo das grandes ideas que un día transformaron o mundo. Conceptos como liberdade, democracia, cidadanía, solidariedade, estado do benestar, racionalidade (fronte á superstición e a escravitude do mito), educación para todos, igualdade, dereitos humanos, etc., son conceptos europeos, nacidos da tensión e do discurso de Europa, algúns deles con mil anos de historia detrás, construidos con esforzo, sacrificio e sufrimento. Tamén é un territorio de contradicións, por suposto. Pero así é a condición humana: contradicións e soños. Neste caso, soños compartidos. «¿Que vai pasar». Non o sei. Quero pensar que, por riba dos egoismos e dos localismos cativos, ese proxecto común existe, e que podemos facelo posible.