O ACORDO Bush-McCain sobre a tortura é unha das páxinas máis cínicas que se poden imaxinar: non é outra cousa que tratar de facer presentable o adefesio da política de Bush. Prohíbese a tortura no país, pero faise silencio sobre Guantánamo, sobre os secuestros e sobre centros secretos de tortura da CIA noutros países. Cheney pode sentirse satisfeito, por máis que se diga que do tal acordo sae perdedor. Un acordo que só garante que non se tortura nos EE.?UU. Pero a CIA tortura en avións fantasmas, en terceiros países, en Guantánamo (que non é territorio americano por cínica ficción legal a estes fins), en Irak, e secuestra onde lle peta, e ás veces coa colaboración da policía local de países europeos. Ninguén poderá crer a McCain cando di que o acordo «é unha mensaxe ao mundo de que EE.?UU. non é como os terroristas... Penso que nos axudará moito a gañar os corazóns e as mentes das xentes en todo o mundo». Cómpre tanta inxenuidade pola nosa parte para crelo como cinismo pola súa para pretendelo. E preténdeo.