PASARON os Magos, con ese ronsel de estreliñas que levan sempre canda si, e deixáronme un mono de traballo, un deses cubretodo que se poñen enriba da roupa (aínda que o mono tamén sexa roupa de vestir) para protexela do cal e do cemento, ou contra das labras da garlopa e as ideas, porque un traballa con ideas, ou polo menos o intenta, e como os Reis están en todo, tamén nas indirectas, aquí estou: embutido no meu mono azul do trinque, argallando no ordenador a meu primeiro ventiño mareiro do ano. Os Reis son sabios. Os reis de Oriente, quero dicir. Non entro noutros lerios. Tampouco é cousa de politizar o artigo deste día luminoso, co sol de inverno a acender de esperanza o verde dos prados da contorna. Verde esperanza, digo ben, nun país tan dado ao pesimismo e á melancolía, á resignación e á profecía da catástrofe, que parece que o mundo estívese sempre a caer enriba das nosas cabezas. Outro día hei volver sobre o pesimismo, esta enfermidade social (histórica) que nos roe a alma e non nos deixa soñar. Hoxe prefiro a mañá luminosa dos Magos, enfundado no meu mono de obreiro das palabras, gustaríame tamén que das ideas. Sei dun amigo, que tamén se dedica a isto, a quen unha mañá sorprendeu unha veciña sentado á porta da casa moendo na cabeza o principio dun novo capítulo do libro que estaba a escribir, e espetoulle a boa da muller: «¡Qué, don Fulano, traballando...!». A muller ía camiño da leira das patacas, co seu cesto e ben armada do seu sacho, e o meu amigo seguía parado contra a parede, sentado no mazadoiro, pensando. Intentoulle explicar á veciña que precisamente naquel momento el estaba a traballar, e que mesmo ás veces o traballo poñíaselle duro, atravesábaselle, e non saía. Non estou seguro de que a señoriña o entendese, francamente. Botoulle un sorriso, e seguíu ela camiño da leira rosmando para si: «Pois siga, siga, don Fulano, e que lle preste...». Supoño que por iso os Reis me trouxeron este mono de mahón azul con gramalleira: por solidariedade, e mais para acompañarme nos domingos e días feirados, nas xornadas de doce horas, na autoexplotación, da que non me queixo, porque «un elixe libremente a súa condena» (letra de tango), pero da que advirto aos incautos e aos afeccionados, que algúns hai: este oficio das palabras e da escrita, este oficio dos soños e das representacións, nas súas múltiples e variadas formas, non se fai sen horas, nin sen traballos, nin sen esforzo, ademais dalgunhas soidades e bastantes frustracións, cando non castigando o espiñazo (lumbalxias), e a vista (pantalla de ordenador), e o corazón (tabaco). Tampouco se fai sen ilusión, certamente. Non lembro unha mañá de Reis sen a alegría do sol, aínda que só sexa unha cativa raiola. Na miña infancia os pais sacábannos a pasear os xoguetes pola praza da Ferrería: o camión de madeira que lle trouxeran ao meu irmán, a escopeta de corcho que me puxeran a min, e o sol do inverno, ¡esta marabilla!, aloumiñaba as primeiras camelias pontevedresas case como quen anuncia xa a primavera. Hoxe a cousa vai máis de consolas, trebellos electrónicos e novas tecnoloxías. Tamén de libros, vellos e impagables amigos. E mais este mono de mahón que me envolve e que agora acaso semella algo bravo de máis, pero que co tempo e os lavados irá collendo a tona necesaria do traballo e da constancia, o agarimo do labor de cada día, coma unha ferramenta íntima, unha caricia agradecida.