PRIMEIRO os médicos intentaron sacar a Ariel Sharon do seu coma poñéndolle música de Mozart. Non funcionou, así que se probou con algo de menor calidade, pero máis contundente: a Oda a Israel de Rivka Zohar. Tampouco isto fixo que o home se sacudise do seu sono á beira do abismo. Entón, suxeriuse outra cousa: facer escoitar ao enfermo gravacións das súas propias batallas. A penas empezaban a sentirse os disparos e as voces dos soldados na toma do Sinaí cando Sharon, parece ser, moveu unha man lentamente para a orde de ataque. Mozart estaba de máis alí. De todo canto se contou estes días sobre Ariel Sharon, quizais isto sexa do pouco que nos fala do verdadeiro Sharon, dese home duro, inflexible e violento, do gran protagonista de todas as guerras do seu país e testemuño reticente ou hostil das súas poucas paces. Esa man, finalmente, era Sharon quen a movía; pode que o seu único xesto sincero e libre dos últimos anos. Está ben que a enfermidade constitúa unha tregua, e tamén que a morte sirva para perdoar e esquecer, e mesmo para maquillar algo a memoria dos defuntos como nalgunhas culturas se lles maquilla o rostro. Pero con Sharon ao mellor vaise rápido de máis: foi xa en vida, durante este último ano, cando os embalsamadores pintaron o seu rostro e o cubriron coa coroa de loureiro do home da paz. Agora, a súa triste enfermidade, ao alcanzalo no cumio do poder, non fai senón inmobilizar esa imaxe enganosa e deixala lista para o daguerrotipo da historia, para a súa estatua nesa terra sen estatuas pero con escombros que é a vella Palestina romana. Nese daguerrotipo el sae fixo e todo o demais borroso. Non só a Xustiza, tamén a Historia é unha deusa que está cega. De repente, a matanza de Qibiya, os prisioneiros exipcios deixados morrer de sede no Sinaí, os pozos envelenados de Gaza, a masacre de Sabra e Chatila, o comezo da empresa colonizadora... Toda a vida do verdadeiro Sharon parece esvaer do corpo do Sharon enfermo, como o vapor salgado do seu suor, e os xornalistas preparan obituarios comezando coa aportación do home ao proceso de paz. Mentres, durme Ariel Sharon; durme o seu soño no fío que separa a morte da vida, arrolado polo ruído dos combates, polos berros desesperados dos soldados inimigos, eles xa mortos e esquecidos, acompañados pola música de Mozart.