NON o esquezamos: foi un escritor fascista, galego e autor dun libro sobre «formación del espíritu nacional» o que dixo na Praza Maior de Salamanca, aínda non hai tantos anos, que os papeis roubados á Generalitat estaban, e debían seguir estando nesa cidade, por dereito de conquista. O mesmo dereito que agora invocan o alcalde de Salamanca e outras autoridades e políticos. A eles parécelles que cumprir a lei é «un expolio a sangre y fuego», como dixo o primeiro, que xa esqueceu que desa maneira viñeron os papeis a Salamanca -con morte e terror- e para que serviron xa instalados nela polo réxime de Franco. Acebes dinos que a recuperación resultou «humillante» para a cidade. Pero non, faltaba máis, o dereito de conquista, que se acepta e dá por bo. E que se quere que siga valendo. Algo moi insán hai neste país para que a política se reduza a tanta miseria e para que unha e outra vez apareza como o menos nobre que se pode imaxinar. E os tribunais, ¿que dirán agora os tribunais? Calquera cousa.