NO NÚMERO de decembro da revista Sciences Humaines leo que se pode falar de tres inconscientes: freudiano, cognitivo e darwiniano. E que para a psiquiatría evolucionista, o inconsciente son tamén as perturbacións mentais que se poden ter producido no afastado pasado evolutivo dos humanos. Pero para min aínda máis sorprendente é a conclusión, á vista de certas experimentacións, de que podemos aprender durmindo: algunhas áreas do cerebro, que se activan durante unha aprendizaxe, reactívanse espontaneamente ao chegar a noite. As neuronas anovarían durante o sono aprendizaxes dalgunhas horas antes. Hai, pois, unha aprendizaxe inconsciente. Incapaces os sucesivos ministros de chegar a un plan de estudios válido nin para dez anos, imos ter nestes experimentos un futuro que promete. O fracaso escolar pode estar chegando ao seu fin. E con el o fracaso dos nosos políticos. Pois a conclusión destes neurólogos é moi clara: todos a durmir ben para aprender ben.