El próximo jueves, con La Voz, una nueva edición de la Guía de Másters de Galicia
AS CARICATURAS de Mahoma son un novo capítulo dunha loita entre dúas concepcións da vida difíciles de compaxinar. Peor foi a sentencia de morte contra Salman Rushdie. Agora, oficialmente, o único que esixen son desculpas. Pero non esquezamos que o director de cine Theo van Gogh, aínda que non foi condenado publicamente a morte, morreu a mans dun fanático. Non sabemos ata onde chegaran as represalias contra as caricaturas. A solidariedade da prensa, que é unha das máis eficaces, xeneralizou o conflito. Dende un pequeno periódico dun pequeno país as viñetas coa imaxe do profeta saltaron ás páxinas dos medios internacionais máis prestixiosos, ben como reproducións dos orixinais, ben como debuxos de Mahoma (prohibidos pola relixión islámica) publicados nas primeiras planas de xornais como Le Monde. A BBC mostrounas en pantalla, e tamén TVE, aínda que tan brevemente que apenas deu tempo a visionalas. En Internet poden verse nas páxinas da revista Le Nouvel Observateur. Algunha é ofensiva, como a representación de Mahoma con cornos relucentes e a pregunta «¿Anxo ou diaño?». A de Mahoma co turbante convertido nunha bomba a punto de estalar ilustra ben a situación actual. Outras son puros chistes: ás portas do Paraíso, o Profeta detén aos kamikazes que chegan todos chamuscados: «Stop, stop, que xa non nos quedan virxes». Das que teño visto, a máis atinada paréceme a que reproduce as imaxes dos representantes das principais relixións tranquilizando a Mahoma: «Non te poñas así, que a todos nos fixeron caricaturas». Os islamistas teñen dereito a pedir respecto á figura do seu Profeta, pero non poden esixir que non se reproduza a súa imaxe, aínda que para eles sexa norma da súa relixión. As crenzas non se poden impoñer. As fogueiras da Inquisición son cousa do pasado, pero o mundo musulmán de hoxe non é un modelo de respecto ás crenzas alleas. Confiemos en que o petróleo non nos poña en xeonllos ante a intransixencia relixiosa.