05 feb 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

UN AMIGO meu quedou sen auga na súa casa, chamou ao servizo correspondente e, despois de marcar non sei cantos números, facilitáronlle un que resultou que era de Madrid: o servizo de augas, antes municipal, pasou hai anos a mans dunha empresa con domicilio en Madrid, e esta é a que informa das avarías en Vigo. Bos exemplos estes -Renfe, entre outros moitos-, para lembrarllos aos que din que vivimos no país máis descentralizado de Europa, para os que pensan que as autonomías baleiraron o Estado (se iso fose certo, que non o é, non sería tan mala cousa) ou para os moitos que coidan que este pode prestar mellores servizos que aquelas. Para iso quixeran algúns máis autonomía municipal: para domiciliar empresas de servizos locais na capital; para seguir apoiando un urbanismo destrutor de tantos valores (paisaxe, convivencia, calidade de vida, estética), isto é, para colaborar co brutal centralismo que dende a morte de Franco crearon e crean os diversos intereses económicos e do poder central.