Intelixencia na negociación na reforma do Estatuto de Galicia

| ALBERTO NÚÑEZ FEIJOO |

OPINIÓN

07 feb 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

NUNHA comunidade de veciños o seu presidente reúnese cun dos 17 propietarios e prescinde de convocar aos 16 restantes. Entre o enfado xeralizado, ambos pactan unha redistribución das cotas mensuais que beneficia claramente ao avispado propietario en detrimento dos que teñen os pisos máis pequenos. Ademais fará unha serie de obras no seu domicilio con cargo ao presuposto da comunidade. Nin que dicir ten que o propietario en cuestión atópase entre os máis podentes de todo o vecindario. O final da reunión o referido propietario declarou ufano cando chegou á casa «que a mellora anual chega a 5.000 millóns de euros (mais do 50% do presuposto do 2006 para a Xunta de Galicia)», e concluíu: «Temos logrado un bo cacho». Este inxustificable xeito de proceder, que poderíamos aceptar como argumento dunha coñecida serie de televisión, parece ser sen embargo a fórmula elixida polo presidente do Goberno para acometer a reforma do actual marco autonómico. Non se pode interpretar doutra maneira que Rodríguez Zapatero pacte de costa ao Parlament e o propio Goberno catalán presidido polo seu compañeiro socialista Maragall, pacte co líder da oposición catalana, o señor Mas, un Estatut para Cataluña que impón un novo modelo de financiamento ó resto de autonomías e que, ademais, prexudica claramente a comunidades como Galicia. E iso sen entrar xa a avaliar a reforma constitucional que suporá o Estatut. Afortunadamente, semella que a estratexia de intentar illar ao PP a toda costa non vai ser posible en Galicia. No podería ser doutro xeito: o PPdeG é con moita diferenza o partido referencia, ao ser o que gañou todas as eleccións democráticas e sen o seu concurso o novo Estatuto non terá viabilidade. Pero, mais aló de que haxa que facer da necesidade virtude, é xusto recoñecer que as formas de PSdeG e BNG non son as mesmas ata o de agora que a actitude excluínte dos partidos cataláns. Van ser necesarias boas doses de xenerosidade e de intelixencia por parte de tódalas forzas políticas galegas se queremos que a nosa comunidade supere con éxito os escollos que implica o novo modelo de financiamento imposto por e para o Estatut catalán. Un modelo que erosiona a solidariedade interterritorial garantida no actual sistema e implica na práctica a creación dun Estado asimétrico baseado en acordos bilaterais e privilexios soterrados. Un Estado con autonomías de dúas velocidades no que pode quedar seriamente comprometido o dereito de todos os cidadáns a ter acceso ás mesmas prestacións, ás mesmas oportunidades e a idéntica calidade de vida. Galicia debe defender un nivel competencial acorde co seu carácter de nacionalidade histórica, debe facer unha reforma legal, é dicir no marco da Constitución, conseguir un texto de reforma estatutaria que serva para posibles gobernos nacionalistas, socialistas e populares, e sempre no marco da Constitución, e estar disposta a conquerir maior autonomía financeira denunciando calquera decisión que implique menos diñeiro para a nosa comunidade. A reforma estatutaria será o instrumento axeitado para lograr este reto sempre e cando teñamos claro que se trata de perfeccionar o texto actual, non de destruílo nin de iniciar aventuras que poidan poñer en perigo o consenso acadado hai vintecinco anos. Só hai unha forma de conseguilo: a xenerosidade política e a intelixencia como país. Pero non esquezamos a pedra angular no que descansa a autonomía política dos galegos e en acadar a suficiencia no finanzamento da sanidade, da educación, das infraestruturas, no I+D, e dicir, nos servizos e prestacións públicas. Compre definir pois, un marco xurídico e outro económico, se se altera o marco económico sen que os galegos poidamos opinar, o marco xurídico, queda danado. Por iso, se Galicia non ten unha pisición clara, firme e acordada no CPFF, estariamos diante dun fracaso da nosa reforma estatutaria. A reforma nacería morta. Remato enlazando co principio. Nunha serie de ficción non pasa nada se a comunidade de veciños se dirixe con métodos pouco ortodoxos ou mesmo absurdos porque a súa función e facernos rir. Aquí, no mundo real, o presidente do Goberno e os políticos galegos temos a obriga de considerar seriamente se a ruta emprendida para cambiar as regras de xogo do modelo autonómico é a correcta. A non ser que queira converter España nun inmenso plató de Aquí non hai quen viva . Entón vai polo bo camiño.