O TEMPO vai confirmando a miña sospeita, exposta aquí máis dunha vez, de que Mrs. Rice non ten moitas luces. E agora parece engadir unha eiva máis: ser discípula de Huntington, que era o que lle faltaba. Pois, segundo dixo, a revolta do mundo musulmán por mor das caricaturas de Mahoma é unha esaxeración do fanatismo. Mrs. Rice non lembra, ou prefire non facelo, que aínda está viva unha invasión ilegal dun país musulmán, que existe a ocupación de Palestina, que o Iraq vai quedar envelenado para miles de anos, que os intereses petroleiros do seu país, e doutros, levan á espoliación, á depredación e ao asoballamento dos países árabes e musulmáns. Pero non, a súa conciencia queda máis en paz lembrando as relambidas e resesas teorías de Huntington: dese xeito, oculta os problemas reais co fume dunhas elucubracións anticuadas nas que xa ninguén cre, pero que lle serven para seguir mentindo e ocultando a triste realidade do Oriente Medio.