TERMINAL catro (T4). Unha obra inmensa, carísima e dirixida a centralizar o tráfico aeroportuario español en Madrid. Seica muitas razóns de escala, de eficacia (que non pode confundirse con eficiencia) xustificaron a súa construcción. Aínda é cedo, pero a concentración non é garantía de eficiencia. Non sabemos como evoluirá e hai muitos axustes que facer, pero polo inxente gasto realizado a solución centralizadora da T4 non é reversibel a curto prazo, por muito que visto dende acó non parece que supoña millora de caste ningunha para as comunicacións dos galegos, nin doutros muitos habitantes da península Ibérica. ¿Foi imprescindibel esta obra de Álvarez Cascos? Pois depende. As razóns técnicas tamén son razóns ideolóxicas e diso o señor Cascos e o Goberno Aznar sabían muito. Sempre tomaron decisións máis políticas que técnicas. E non é necesario lembrar o Prestige ... A T4 convida a unha reflexión sobre a ideoloxía centralista. Sobre a capacidade para manter a centralización dos recursos e do eixo comunicacional do teritorio español no centro madrileño. Toda unha arte que se acomoda mal coa evolución autonómica e coa racionalidade que preside outras redes de comunicación europeas. Esta centralización é contradictoria coa estructura territorial, política e económica do Estado español, máis aínda se o vemos en perspectiva europea ou mundial. Simplesmente segue unha lóxica de centralización das comunicacións que principia a monarquía absoluta no século XVIII. Aquela racionalidade política nunca logrou ser corrixida en aras doutras racionalidades. Nunca se logrou pasar da España radial á España en rede, na que, xunto co centro, debería haber cando menos catro puntos nodais situados no entorno da Coruña, Sevilla, Bilbao e Barcelona. Os AVE -todos- saen de Madrid e as autoestradas seguen a vía radial dos vellos camiños reais. Por iso Madrid proxecta xa a M-50 e axiña irá pola M-60. En Portugal, inaugurouse hai pouco unha alternativa para comunicar norte e sur sen aproximarse á grande Lisboa: cruzando o Tejo en Santarém para baixar polo Ribatejo cara o Alentejo e o Algarve. Non é o veciño un Estado menos centralista que o español, máis optou por un mapa de estradas racional que aquí parece imposibel. Ninguén imaxina aquí unha vía rápida que una o noroeste co sur por Extremadura (a vella vía da Plata) ou simplesmente a metade occidental de Norte a sur por Ávila e Toledo. ¿Por que non? Sería bon para o Norte pero tamén para Ávila e Toledo. Fagan o mesmo exercicio na metade oriental por Soria e Cuenca. ¿Sería caro ou simplemente descentralizador e polo tanto considerado unha ameaza? Xa falei aquí dun meu curmán que por falla de emprego cualificado marchou a Londres. Volveu millor formado, pero tampouco atopou traballo. Marchou de novo buscando emprego. Traballa na T4.