XOSÉ CARLOS CANEIRO
22 feb 2006 . Actualizado a las 06:00 h.ESTE CARNAVAL bailaremos a Georgie. Serás a chica charlestón coa que el soñou toda a súa vida. E ti serás un tipo sen nome, invisible, aquel que algún día musitará tangos nun café de Buenos Aires. Alambrarás a alegría nas rúas da noite: que son todas de ollos grandes, e miran, e abrazan, e depositan bolboretas na alma... para vivir. Serás o pirata que secuestra a taberneira nun cuarto frío, con estufa de gas e televisor prestado. Beberás os bicos que escribiron para ti. Serás cigarrón e peliqueiro, fada, corsario, Cinsenta e o lobo feroz. Dirás que a vida non vale nada e agarrarás aos amigos como se fosen unha oración, un non nos moverán, un sigo aquí, como sempre, camaradas. Pasarás das razóns de Estado e do estado da razón. Inconsciente, insensato, bohemio. Soñarás o mar que che falta, atlántico, pleno de dunas onde un crooner perdedor canta por Camilo Sesto: el amor de mi vida has sido tú. Despois acenderás a banda sonora da nostalxia e pensarás en Georgie Dann, aquel que gritaba el bimbó. Bailarás en calquera recanto: onde as luces do barrio anuncien unha caricia, outra. Daquela pensarás que se foses o Creador crearías a alguén como ela/el, lindos. Tan felices. Tan humanos. En carnaval, corazón.