Nun país diferente

OPINIÓN

12 mar 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

TODOS lle oímos dicir a un político que os golpistas do 23-F eran xente con boas intencións. O caso é que non fixo, salvo erro, ningunha posterior rectificación, nin sequera algunha desas nas que os políticos son expertos e polas que, dicindo que non se dixo tal cousa, queda incólume o que se dixera. Tampouco sei se o seu partido dixo nada en contra: pode que nada teña en contra, ou que pense que o dito non afecta á súa honorabilidade, nin á súa credibilidade, nin sequera aos votos nun porvir non tan afastado. Supoño que o partido resolveu que a verdade é a súa, nunca a dos demais. Nin unha nin outra actitude son nin de lonxe imaxinables no mundo máis próximo a que pertencemos. Paréceme evidente que non todos senten vergonza de que por aí adiante pensen que seguimos sendo diferentes, unha vez máis reserva non se sabe ben de que. Pero confío que algúns, quixera pensar que moitos, sentiriamos inquedanza e vergonza de pertencer a un mundo en boa parte habitado por xente tan diferente.