O GOBERNO bipartito pode facer un novo Estatuto, darlle sentido á Cidade da Cultura, disciplinar o urbanismo, mellorar as infraestruturas e mesmo arranxar a sanidade, mais non logrará facer unha política progresista sen pensar nos ciclistas. Este ten que ser o Goberno dos ciclistas ou non será Goberno de futuro. A bicicleta é un arma cargada de futuro. Non se trata de encher o país de carrís bici -que tamén, sempre que non sexan guetos que non levan a ningures e aínda disputan os paseos aos peóns-, senón de facilitar que a bicicleta poida ser un medio de transporte razoábel nas nosas pequenas cidades e nas estradas. Como xa o é en moitos lugares de Europa. Enchemos os ximnasios para estar sans, en vez de pedalear ao traballo por moito que nos digan que é a mellor forma de previr as doenzas cardiovasculares. Enchemos as cidades de automóbiles aos que se brindan todas as facilidades para aparcar -pagando, claro-, mentres nos lamentamos dos accidentes. Ponse de moda a educación ambiental ao longo da vida: da gardería ao xeriátrico. Os telexornais infórmannos puntualmente de canto perigo contaminante asociado ao tráfico rodado é descuberto pola ciencia: o último seica asociado ao gasóleo. Pero non se coñece unha soa iniciativa ou política pública destinada a facilitar -xa non digo fomentar- o uso cotiá da bici como medio de transporte. Antes ao contrario. Fartámonos de escoitar desculpas fatas ¡Que aquí chove demasiado!, como se non chovera nesas cidades cheas de ciclistas de Holanda e do Norte de Italia. ¡Que hai moitas costas!, como se Valencia non fora plana e nin por iso tampouco non hai quen use as dúas rodas sen motor. Non sempre foi así. Cando nacín, meu tío pedaleou oito quilómetros para ir buscar o médico. Hai pouco máis de trinta anos aínda lembro moitos veciños que pedaleaban para ir traballar aos estaleiros de Ferrol. Nisto da bici somos menos modernos ca outros europeos porque tardamos máis en pasar da bicicleta ao utilitario e agora non imos deixalo. Danos como vergoña de voltar atrás. Aínda así, a bicicleta ten moitos usuarios cotiáns para as posibilidades que se lles ofrecen: esas estreitas marxes entre os paseos e os coches, trufadas de reixas de pluviais, fochancas, rexistros e chapas de canalizacións varias. E agárdase aínda a primeira advertencia ou campaña para que os condutores termen dos fráxiles ciclistas. En cidades como a miña, que carece dun só metro de carril bici, acaba de ocorrérselle a unha empresa propor a instalación de aparcadoiros soterrados para bicis. Macanudo: en troques dos masivos aparcadoiros de Amsterdam, enterraremos as poucas bicis que se ven. Asombrosa teima a dos aparcadoiros soterrados. Todos os domingos, ás dez da mañá, subindo ao Pedroso, na beiramar da Mariña ou de Oia, nas estradas do Condado e o Baixo Miño ou no paseo marítimo da Coruña, centos de ciclistas que veñen do pasado seguen a pedalear cara o futuro.