Que fuxa quen poida

OPINIÓN

09 abr 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

NO MEDIO do boureo político deste país un chega a sentirse moi pouco a gusto, como frustrado, sospeitando que esta realidade política nosa, única no mundo civilizado polo seu alporizamento, polas súas descualificacións, pola súa vulgaridade e pola súa deshonestidade intelectual, nos levará a dicir «iso non vai comigo» e pasar a outra cousa. Máis dunha vez Ramón Piñeiro me dixo que o seu interese pola política era máis ben unha disciplina mental de compensación: a filosofía móvese no mundo das ideas, o que podería chegar a ser un perigo, e a política faino nos eidos das realidades concretas: desa maneira, dicíame, teremos menos riscos de perder a cabeza. Ese argumento tamén vale á inversa: ás veces cómpre fuxir da realidade inmediata e mergullarnos no mundo do espírito. Desintoxicarnos cunha boa música ou cunha boa literatura, viaxar, filosofar ou perder o tempo, para fuxirmos da vulgaridade, da deshonestidade e do boureo que nos teñen atordados. Fagamos a proba e a ver que pasa.