SINTO ben que as conmemoracións -o facer memoria xuntos- teñan sido máis ben escasas nestas datas en que se cumprían 75 anos da proclamación da II República. A gran aventura espiritual que ela foi merecía moito máis do que se ten feito, ao menos ata o día de hoxe. E sinto tamén que en certos actos conmemorativos se insistise máis na procedencia desa forma de goberno ca no gran proxecto de modernización que aquela foi. Un proxecto como nunca houbo outro semellante nun país ao que case non chegou a Ilustración. Esta, aínda que tarde, puido vir daquel proxecto anovador. É certo que, en democracia, ten máis sentido a forma republicana que non a monárquica. Pero isto está moi lonxe de ser un dogma. ¿Pode alguén dicir que sería mellor un sistema republicano tendo de presidente a Guerra ou a Bono, a Acebes ou a Zaplana? Algúns non sentimos vergonza de que o actual xefe do Estado ostente a representación que ten. Ao menos, está moi lonxe de confundir a política cun sainete.