Vida e memoria

OPINIÓN

30 abr 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

CHÁMAME Ian Gibson abraiado polo que ocorreu no Congreso o xoves e dime que non comprende que dereita é esta que temos. ¿Tanto medo hai aínda ao pasado recente? ¿Cómo é posible, pregunta, que algúns queiran enterrar ese pasado sen enterrar antes os seus mortos? ¿Pode alguén que se teña por cristián manter semellante cousa? Dígolle que eu tampouco o entendo, e que penso que, por ese camiño, a xente que aínda teña certa capacidade de raciocinio terá que medir moito o seu voto. Ou tamén pode pasar que tanto disparate faga romper a corda e que se fenda, ou se esnaquice, unha dereita tan intolerante e fóra dos tempos. Gibson dime que ten a sensación de que estamos en 1931; pero eu dígolle que estamos noutro país e noutra Europa, por máis que algunhas mentes estean en 1931. Concordamos os dous en que a memoria é vida e que a vida sen memoria non é tal. E que isto o sabe a xente común, a que non cre nos políticos, a que os ve como un mal que hai que padecer. E os dous, ao cabo, saudamos a vida e, con ela, a memoria.