NAS PAREDES do café Tortoni, seguramente o lugar máis celebrado da cultura arxentina da primeira metade do século XX, o gran período de florecemento económico daquela nación (un local ao que acudían tantos republicanos españois no exilio, soñando o retorno enriba das mesas de mármore), nas paredes do Tortoni, digo, hai tres retratos de galegos. Algunha vez teño falado aquí deles: Luis Seoane, Eduardo Blanco Amor e Arturo Cuadrado, este último galego por libre decisión, pois realmente nacera en Denia (Alacante). Son retratos non de pequeno tamaño, arredor de un metro por sesenta, que simbolizan a presenza de Galicia no proceso de formación da cultura arxentina, cando menos respecto das personalidades que por aquelas datas frecuentaban o establecemento. Produce unha especial emoción contemplalos, á par de Einstein, Pablo Neruda, Sigmund Freud, Alfonsina Storni, Ernesto Sábato ou Jorge L. Borges, polo que significan para os porteños, que os consideran propios, e polo que significan para nós. Eduardo Vázquez Fernández, arquitecto de profesión, editor e poeta, que naceu en Buenos Aires en 1934, fillo de galegos de Lalín e de Trabada, é o autor dos tres retratos, que en realidade teñen un aquel de colaxe: pintura, debuxo e fotografía. Presentounos por primeira vez na homenaxe á memoria do exilio, que en 1996 organizou a agregada cultural da embaixada de España, e un (o de Luís Seoane) mercouno o xerente do café para expoñelo nas paredes do mesmo; outro (o de Arturo Cuadrado) adquiriuno a Sociedade do Tortoni, e o terceiro foi unha doazón do artista. Alí están. Hai dous cadros máis, que tamén se presentaron naquela exposición de 1996, pero que non están no Tortoni, porque os personaxes seica non eran seareiros do local, ou tal consideraron os propietarios do establecemento: Suárez Picallo, que se pode ver na Federación de Sociedades Galegas da rúa Cachabuco, outro dos grandes espazos simbólicos da memoria do exilio e da emigración, e Alfonso R. Castelao. Graciana Vázquez, responsable da cátedra Castelao na universidade de Buenos Aires, filla de Eduardo Vázquez, o arquitecto e pintor, quixera que este derradeiro viñese para Galicia. Tal é o desexo tamén do pai, gratuitamente, para calquera institución que queira acollelo. Vese a Castelao ollando de fronte e, debaixo, unha chave: unha chave de verdade, pequena, ben labrada, coma de cofre ou armario. Algo abrirá.