21 may 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

ESTÁ CLARO, ao menos para min, que Almodóvar non é ningún Angelopoulos, un Sokurov ou un Garrel. Nin sequera un Fellini. Pero algo pasa, din algúns, cando moitos se poñen con el a risco dun ataque de nervios. E iso din tamén os que, como é o meu caso, coas súas películas se morren de aburrimento. O manchego conta cun apoio mediático pouco común. En boa parte, é unha feitura deste. Pero tamén, paréceme, o seu caso entra de cheo na degradación cultural en que nos tocou vivir, algo que é moito máis fondo e transcendente. E do que, en xeral, non queremos falar. Que alguén me diga, se pode, onde están hoxe os equivalentes a Baroja, Unamuno, Palacio Valdés, Cernuda ou Lorca, Ortega ou Azorín, por citar só a uns poucos e non sinalar a ningún político, por exemplo, porque isto xa sería para chorar. Para falar de equivalentes hai que mentir. Infelizmente, o país está hoxe nun nivel cultural moi inferior ao de hai oitenta anos. Pero hai que seguir mentindo. Porque xa se ve que as mentiras son moi fáciles de facer crer.