O fiscal Maximilien

| LOURENZO FERNÁNDEZ PRIETO |

OPINIÓN

DESCONFIEMOS do fiscal. Este sería o resume dunha liña argumental que algúns sectores -¿interesados?- queren asentar na opinión pública, en relación cas irregularidades da Deputación de Lugo que están a ser investigadas. Esta idea forte aparece por todas partes baseada sempre nos mesmos argumentos. É un fiscal mediático e espectacular, como demostra a súa entrada cos xornalistas no Pazo da Deputación. É vasco, repítese tamén, e moi impetuoso. Xa intentou varias veces demostrar irregularidades na Deputación e en concellos gobernados, agora ou no pasado, polo PP. Vai por Cacharro, insístese tamén como xuízo de intencións que ninguén que se saiba escoitou do señor fiscal. Ven de fóra e entra como cabalo en cacharrería, non coñece como son as cousas por aquí, dise, convertendo en defecto o que sería unha evidente ventaxe respecto dos asuntos que entende. Repítese tamén a pregunta de por que agora actúa así a fiscalía se xa houbo moitas denuncias de deputados da oposición dende hai dez anos. Todos os argumentos conducen a por en cuestión a credibilidade persoal do fiscal e polo tanto da actuación da Fiscalía neste caso. Tanta preocupación pola forma tende a difuminar o fondo do asunto e os datos xa coñecidos nesta suposta trama que son ben alarmantes pero contrastados. Que se saiba ninguén negou aínda o dato fundamental: que o 90% dos contratos levounos a mesma empresa, na que teñen interese directo ou por vía familiar empregados do servizo de Vías e Obras da Deputación. Mais quedemos na forma, que sempre ten moita relación co fondo. A espectacularidade e contundencia da actuación derívase da impunidade -alomenos política- acumulada despois de dez anos de denuncias e pode ser imprescindíbel para evitar a destrución de probas. Tan habitual nestes casos. Por outra parte, nesta institución xa é proverbial a obstrución a favorecer documentalmente as actuacións xudiciais. A presenza de medios de comunicación garante a transparencia nun asunto que a reclama a berros. Para iso están os xornalistas e bon traballo que fixeron. As actuacións xudiciais derivan -sempre- das condicións políticas. E iso que algúns queren converter en acusación é unha simple constatación histórica. Sabido é que o fiscal aquí e agora enlaza xerarquicamente co poder político. Tamén que a renovada dirección do PP galego non parece querer identificarse con case trinta anos de prácticas desta Deputación. Ademais ese poder inmenso e opaco das deputacións galegas está sendo posto en cuestión polo goberno actual. Claro que se dan as condicións políticas que non houbo no pasado. O avogado de Arrás e xuíz do Tribunal Episcopal, o apaixonado das ideas de Rousseau, coñecido como o Incorruptíbel á fronte da Xunta de Saúde Pública nos anos máis difíciles da revolución francesa, a quen se debe a consolidación dalgúns dos principais valores republicanos, non anda nestes días por Lugo. O fiscal Izaguirre non é Robespierre aínda que a súa acción pareza revolucionaria.