AS POSICIÓNS non poden estar máis encirradas. ¿Ou si? Será que somos da aldea, pero pasa un por Madrid e dan gañas de saír correndo. ¿Onde acaba o discurso das partes (a posición lexítima de cada quen) e onde empeza a retórica, as concesións ás bancadas dos hooligans , a representación? ¿En que canellón nos estamos metendo? Varias decenas de miles de cidadáns teñen previsto manifestarse hoxe polas rúas da capital do Estado no elemental dereito democrático de expresar a súa opinión (e os seus sentimentos), que ninguén pode prohibir, como non se poden prohibir, cos mesmos dereitos constitucionais na man, manifestacións e expresións contrarias. Logo, coma sucede sempre, cada quen fai a súa valoración e mesmo intenta levar a auga ao seu muíño. A cidadanía constrúe libremente a súa postura. Ata aquí, todo correcto. Son as regras do xogo. Pero alguén debería ver de abaixar un pouco a fogueira. ¿Onde nos estamos metendo? Por primeira vez en moito tempo, logo de case corenta anos de violencia, seica albiscamos unha certa luz cara ao final do túnel. Non seremos tan inxenuos como para pensar que a saída non ha ter un prezo ou, cando menos, que non ha ser o resultado dalgún tipo de negociación. Tampouco as razóns das partes teñen todas o mesmo peso, nin podemos valoralas igual. Pero por primeira vez albíscase, non sen a necesaria prudencia, mesmo con desconfianza, unha saída a este inferno que para algúns é conflito, para outros pesadelo, loucura ou cuestión pendente, mais que en calquera caso marca dun xeito tráxico a nosa historia contemporánea e a memoria de case tres xeracións. Sen saír dese pozo non vai ser doado o futuro. O PP non pode ficar fóra desa solución. Mesmo dende Euskadi, portavoces da propia Batasuna llo están dicindo: hai que encontrar un denominador común, algún espazo de encontro (declaracións recentes de Josefa Álvarez), un espazo que non ha vir dado de seu, senón que haberá que construír con todos os bimbios do cesto, procurando a ser posible non deixar fóra ningún. Velaí a grandeza da política. ¡Trátase de facer política! Gerry Adams, líder do Sinn Féin, recordaba hai poucos días, falando do caso español, as dificultades do proceso irlandés. «O máis difícil -comentaba- foi dar cunha saída para a dereita máis dura, os unionistas». ¿É ese o papel que quere xogar o PP, enrocado nas esencias dunhas razóns que se revolven unha e outra vez sobre si mesmas, cando a gran maioría da sociedade española está pedindo a berros unha oportunidade, ¡aínda que só sexa unha oportunidade! para ensaiar un camiño cara á paz? Alguén fala de xenerosidade política. Eu preferiría falar de intelixencia, francamente. E acaso de algo de talento. Porque se non, volvo á pregunta do principio: ¿onde nos estamos metendo?