Cabo Verde, Nha Terra

OPINIÓN

CABO Verde. Alí os pobres de pedir comezan a relación pedindo «água». Cando xa se lles deu a botelliña da mineral indispensable para evitar doenzas tropicais, piden «pão»; e, por fin, atrévense a pedir «uma moedinha». Os pobres de pedir e os que non piden son morenos -non negros- de nomes e apelidos portugueses, descendentes de europeos e de escravos africanos que outros africanos cazaban para os europeos. Falan portugués e crioulo, que é portugués estragado con algunha incrustación africana. Cabo Verde ten moitísimo sol, o «solão» que mata no paralelo 15; e vento constante; e un martirio de nubes fugaces, incapaces de ceibaren chuvia durante dez meses do ano. Se os caboverdianos tivesen diñeiro usarían xeradores eólicos e plantas fotovoltaicas para desalinizaren o mar esmeraldino que lles bica as areas douradas das praias. Pero non o teñen. Teñen, si, paciencia infinita para colleren auga dos «furos» (pozos de barrena) e levárena á casa como o ben máis prezado. Carréxana ao lombo propio ou duns burriños de miniatura que, por veces, deshidratados e rebentados, se deitan e non queren seguir. Na illa de Santiago o campo de concentración do Tarrafal lembra o que foi o poder represivo do imperio portugués. E na capital, unha grande estatua en bronce recorda ao mundo a heroicidade de Amílcar Cabral, a loitar contra Portugal na Guinea-Bissau. O caso é que os caboverdianos pouca violencia exerceron contra os colonizadores que lles deran apelidos, idioma universal, relixión e cor da pel. E arestora, postos a discorrer, non dan entendido a necesidade da súa independencia. Poderían ser autónomos coma os portugueses dos Azores ou da Madeira; ou coma os españois das Canarias. Séndoo, hoxe serían europeos ultraperiféricos, subvencionados. Daquela, terían fondos para desalinizaren, para faceren encoros; para cultivaren de todo no seu chan volcánico. Para non teren que emigrar... Pero non son europeos. E piden auga aos visitantes.