SEGUNDO o profesor Xosé Antonio Fraiz, que utilizou para o seu traballo datos procedentes principalmente do INE, na actualidade podemos contabilizar arredor de 1.200.000 galegos espallados polo mundo: galegos fóra de Galicia, medio millón dos cales residen nas nacións de Latinoamérica (arredor de 250.000 na Arxentina), case outro medio millón noutras cidades españolas (nas comunidades de Madrid e Cataluña, sobre todo) e uns 250.000 noutros países, a maioría no continente europeo, pero tamén en Asia, Australia e África. Outros estudos elevan a cifra a 3.000.000, e nalgunha ocasión a Consellería de Emigración da Administración anterior mesmo arriscou a cantidade de case 10.000.000 de galegos, contando a primeira, segunda e terceira xeración, que dun xeito ou doutro se recoñecían como tales. Só na cidade de Buenos Aires hai, a día de hoxe, unhas 90.000 persoas censadas como naturais de Galicia, con dobre nacionalidade (arxentina e española), que poden exercer o seu dereito a voto. Nos anos 50 e 60 esa cifra chegaba a case medio millón. Sempre se dixo que a cidade de Buenos Aires era a cidade do mundo onde máis galegos residían, por riba de calquera das cidades de Galicia. A segunda, por certo, era ata hai ben pouco Madrid. En Sídney, en Nairobi, en Moscova, en Copenhague, en Westminster-California, na Ushuaia (Terra de Fogo) hai centros ou sociedades galegas organizadas. Non sei de ningunha na China (polo de agora). Na Suíza hai dezanove. En Venezuela, vintedúas. No Brasil, dezasete. E só na devandita cidade de Buenos Aires (sen contar o resto da Arxentina), trinta e seis. ¿Qué facer con todo ese capital humano? ¿Realmente é unha riqueza (como sosteñen algúns) ou simplemente unha memoria histórica, que estiña e cerra ciclo? Esta segunda posición non é tan doada de manter: seguimos exportando man de obra, barata e cualificada, uns para Canarias, por exemplo, e outros para centros de alta tecnoloxía ou de forte esixencia empresarial en Madrid, Barcelona e na Unión Europea. Unha das características deste novo tempo é a elevada saída de individuos con formación universitaria que teñen que procurar o futuro fóra do país. Non lle chamamos emigración, na oferta libre da sociedade global, pero na práctica como tal se manifesta, na medida en que a grande maioría deses mozos e mozas quixeran desenvolver a súa actividade aquí, na sociedade na que se recoñecen e que investiu recursos na súa formación, e non poden facelo. A cuestión resulta máis preocupante nun país con taxas demográficas tan baixas coma as nosas. ¿Qué facer con ese capital?, repito. Está aí, é o resultado de circunstancias históricas, de acordo, mais deberiamos sabelo encarreirar, activar, aproveitar, na tan necesaria rede global de intereses que caracterizan a sociedade mundializada. Outros non teñen semellante pulo: punto de apoio para introducir unha das posibles pancas da transformación e o cambio. Sei que hai quen non cre nisto. Sei que hai quen pensa que a Galicia exterior non é máis ca un xigantesco hospital de caridade. Eu non o creo, sinceramente. Falamos da segunda e terceira xeración sobre todo: fillos e netos daqueles que un día marcharon, moitos deles ben situados e integrados nas súas respectivas comunidades. O pai de Manolito logrou mandar os seus fillos á universidade. Están aí. Non son un produto de ficción. Deberiamos falar disto.