«Bush», o cadelo

OPINIÓN

06 ago 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

UNS VECIÑOS meus de Tebra teñen un cadelo que se chama Bush. Quixen saber a razón dese nome, se algunha había, porque cadelo tan simpático, intelixente e mesmo eléctrico non me cadraba coa triste figura de Bush. O meu veciño díxome: «Puxémoslle Bush porque Bush é o xefe do mundo». De súpeto xurdiron as miñas lembranzas máis afastadas: Stalin e Hitler eran na miña nenez nomes moi comúns para cans, como para persoas foron os alcumes de Largo Caballero, Azaña ou Franco -e que destas me desculpen as que aínda vivan-. Nomes de cans e alcumes de persoas poden axudar a dar unha idea dunha terra e dun tempo, pois os alcumes seguen tamén un pouco o decorrer do noso mundo e non acostuman ser alleos a el. Bush, o cadelo, é de certo xefe do seu mundo e non consinte que nin cans nin gatos ocupen o seu territorio. Xoga á pelota cos meus netos, pero moi atento sempre a que ninguén invada o seu territorio. Entendo ao meu veciño por terlle posto Bush, pois o cadelo é dono e señor do seu territorio, do seu eido, do seu mundo.