O mesmo lume

| LOURENZO FERNÁNDEZ PRIETO |

OPINIÓN

TODOS OS VERÁNS. Mais este ano é diferente: prende preto das casas, préndese para cortar as autoestradas, arden o millo e as viñas, desalóxanse cámpings e urbanizacións. E cando chega Zapatero comeza a arder ao pé das pistas da Lavacolla. Nuns poucos días arde sen vagar empezando polos arredores das cidades e polas Rías Baixas. Constátase unha actividade desaforada dos incendiarios. Fálase dende o principio dunha nova tipoloxía e así parece ser. Outra importante novidade é que a penas arde monte baixo: entre 1985 e 1989 queimáronse 676.000 hectáreas, aproximadamente un terzo do total, pero case o 64 % foi superficie non arborada. O monte arde polas mesmas razóns estruturais de sempre, acrecentadas conxunturalmente polas favorábeis -para o lume- condicións atmosféricas. As mesmas causas: todas as que se din e se supoñen pero ordenadas de distinta forma e actuando con outra intensidade. As diferenzas están nos lugares e no goberno de turno, por algo xa se di que o monte arde máis nos tripartitos e nos bipartitos, aínda que non se di por qué. E ademais é certo. No 1989 houbo outra vaga de incendios de tremer. Daquela batéranse todos os récords ata agora (máis da metade monte raso), sendo conselleiro do breve Goberno tripartito Francisco Sineiro, un experto que apostou nos seus traballos polos pastos fronte ás árbores. Outros picos de queima foron os anos 1975 e 1976, 1978, 1981 e 1985. Anos en que arderon máis de 40.000 hectáreas. Sabemos pois que o monte arde máis en intres de cambio político e que muda o territorio do lume. Tamén sabemos por qué arde desta volta: a vontade de meter medo, de impresionar, parece tan clara como lograda, fálase xa dun terrorismo do lume. O que non sabemos aínda é para qué. Os incendios son en Galicia un problema estrutural que só terá solucións a longo prazo. Ninguén espere outra cousa. O monte seguirá ardendo nos veráns secos. Nunha parte é inevitábel, noutra parte a solución pasa por outra política para o medio rural que supere a recente identificación entre monte e espazo forestal. A repoboación forestal pública entre 1940 e 1984 superou as 425.000 hectáreas e a privada supuxo como mínimo outro tanto, con alento público. De 1986 a 1997 a arborización expándese noutras 230.000 hectáreas. Máis dun millón de hectáreas con árbores que antes non había son demasiadas. O monte xa supera hoxe os dous millóns de hectáreas. As actividades agrarias e gandeiras comprimíronse -por debaixo do millón de hectáreas- nun territorio onde foran hexemónicas durante mil anos. A arborización foi primeiro unha imposición da autarquía franquista e despois foise convertendo nunha forma de abandono. Iso é hoxe Non se trata só doutra política forestal. Senón doutra política rural e territorial como a que dende a Consellería do Medio Rural está empezando a deseñarse, con correlatos noutras consellerías como Vivenda ou Medio Ambiente. ¿Demasiados cambios xuntos? Agora é o momento de preguntármonos se imos volver plantar no territorio queimado. Pode ser unha oportunidade para virar de vez.