Herr Grass

| X. L. FRANCO GRANDE |

OPINIÓN

03 sep 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

PARÉCEME que a única eiva que de certo se lle pode apoñer a Herr Grass é a de ter calado tanto tempo a súa culpa. Tampouco están claras as súas explicacións, moi confusas por certo. Tanto que un ten dereito a sospeitar que a razón verdadeira do seu silencio foi non dificultar a concesión do Nobel: non llo terían dado se soubésemos entón o que agora sabemos. Pero esa suposta culpa súa, tamén hai que dicilo, é ben pequena en comparanza coa daqueles que, como o filósofo birollo e os seus seareiros, bendiciron os chamados procesos de Moscova e aceptaron en xeral a vergonza dos crimes stalinistas, por exemplo. Pero estes non tiñan por entón dezasete anos. Despois de tanta barbarie e tanto sangue, seguimos sen aprender que os tiranos, sen excepción, son todos da mesma madeira. ¿É máis tirano Stalin ou Castro? A única diferenza está no número de vítimas dun e doutro, porque os fins son os mesmos. As actitudes do filósofo birollo seguen nos nosos días. E se non, pregúntenllo a García Márquez. Tampouco tiña, nin ten, dezasete anos.