Alatriste

| MARINA MAYORAL |

OPINIÓN

11 sep 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

EU COIDABA que en Madrid, con 39 graos á sombra, ás sete da tarde, íamos ser catro no cine de barrio onde fun ver a película baseada nas novelas de Pérez Reverte. Menos mal que unha amiga máis atinada colleu as entradas con antelación porque, cando eu cheguei, a cola daba a volta á mazá. Pagou a pena a molestia; moitos aplaudiron ao final e outros gardamos un emocionado silencio. A min a escena final emocionoume. Ten grandeza épica. E tamén a despedida de Alatriste da comedianta María de Castro, a muller a quen sempre amou. O que me gustou menos foron as escenas de batallas na liña de Gladiator ou de A raíña Margot: moito sangue e realismo excesivo. Teño a dúbida de se os que aplaudiron facíano pola calidade artística da película ou polo contido ideolóxico, que é o das novelas de Pérez Reverte. Ou aplauden como aplaudimos a Pereiro na volta ciclista a Francia, e aos xogadores de baloncesto no campionato mundial: porque por unha vez dende hai moito tempo gañamos, somos os primeiros e podemos facer unha película que, polo despregue de medios técnicos, podería estar rodada en Estados Unidos, pero que fala de nós, da nosa historia, sen compracencia e sen vergonza, sen pedir perdón. A película reforza e insiste nos aspectos máis duros da obra do novelista, unha visión moi crítica da España imperial, na liña de Larra, de Galdós e dos noventaeoitistas; e dicir, feita por xente a quen lles doe España, que ama ao seu país. O que mostra é unha nación mal gobernada, unha aristocracia intrigante, unha Igrexa dominada pola Inquisición, un pobo que malvive na pobreza, e uns soldados que manteñen a forza de sacrificios e de dignidade o poderío exterior dun Imperio en decadencia. É a España do Século de Ouro, que o soldado Alatriste comparte con Quevedo, con Góngora, con Lope, con Velázquez, con Cervantes, que ficou manco na batalla de Lepanto e sentíase orgulloso dese feito. Unha España pola que Alatriste -e Pérez Reverte- pensa que val a pena loitar e morrer.